Novas | 1 a 10 de 3039

Siguiente >>

15/02/2018
O audiovisual do país cítase na Escolma de Cinema Galego de Sarria

Unha selección cos filmes de produción galega máis recoñecidos do último ano é o que achega a terceira edición da Escolma de Cinema Galego de Sarria. A Casa da Cultura da vila acolle este 24 de febreiro as proxeccións de Dhogs, Esquece Monelos, Matria, Paisaxes da Capelada de Alberto Lobelle, A Rapa das Bestas de Jaione Camborda, Qviasma de Tono Mejuto e M. (Manuel Moldes Pontevedra Suite 1983-1987) de Ángel Santos. A cita é unha ocasión única de contemplar filmes que a miúdo teñen moi pouca distribución na carteleira tradicional.. Amplía a nova>>

14/02/2018
O segundo Conecta Fiction integra un festival de Series Televisivas

Este xoves 15 de febreiro abre o prazo de acreditacións para a segunda xeira de Conecta Fiction, que se celebrará en Compostela entre o 18 e o 21 de xuño. O encontro especializado en contidos televisivos para os mercados de Estados Unidos, Europa e América Latina que organiza a Xunta presentaba onte en Madrid as novidades para este ano, entre as que destaca a celebración dun festival de series televisivas aberto ao público xeral e a ampliación e un a dous territorios como convidados ao evento.. Amplía a nova>>

07/02/2018
A longametraxe 'Dhogs' arrasa nas candidaturas aos Premios Mestre Mateo

A película Dhogs de Andrés Goteira (Gaita filmes e Pixel Films) ven de rachar os rexistros de candidaturas finalistas da historia recente dos Premios Mestre Mateo do audiovisual acadando a opción a recoller 14 estatuíñas grazas ás súas 17 candidaturas. Tres dos catro finalistas na categoría de Mellor Actor Masculino de reparto son parte desta produción. As cen candidaturas das vinte e cinco candidaturas finalistas aos XVI Premios Mestre Mateo da Academia galega do Audiovisual reveláronse hoxe nun acto que tivo lugar na sede da Fundación SGAE en Santiago. Os actores María Mera e Monti Castiñeiras fixeron a apertura de sobres e desvelaron os nomes elixidos, un dos cales era o do propio Castiñeiras que volve optar á Mellor Interpretación Masculina de reparto que xa acadou o ano pasao, neste caso ten como rivais aos tres actores de Dhogs, Miguel de Lira, Antonio Durán "Morris" e Carlos Blanco.. Amplía a nova>>

07/02/2018
Carballo Interplay suma un espazo profesional na súa vindeira edición

O festival de webseries Carballo Interplay continúa a súa evolución e medra para a súa quinta xeira, que se celebrará entre o 4 e o 7 de abril. A organización acaba de anunciar a posta en marcha dunha xornada profesional, que o día 5 buscará "conectar a creadores e creadoras coas principais plataformas, produtoras e medios de comunicación que están apostando polos contidos dixitais de creación propia". Co prazo de inscrición aínda aberto, o encontro contará con representantes das plataformas Playz de RTVE, FLOOXER (Atresmedia), MTMAD (Mediaset), CRTVG ou Playground entre outras, "ademais de varios directoras e programadoras de festivais de series dixitais estatais e internacionais". . Amplía a nova>>

06/02/2018
Agadic leva o catálogo Shorts from Galicia a Clermont-Ferrand

Matria, Buenos días, España, Plus Ultra, La mujer invisible, El reloj e Rapa das bestas son as curtametraxes que fan parte da nova edición do catálogo Shorts from Galicia. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acaba de presentar a edición de 2018 deste programa de promoción, que inclúe tamén un vídedo, no Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, que abría onte as súas portas. No mesmo, o audiovisual galego participa cun espazo propio no marco do posto común do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Estado. A selección de traballos correspondeu a "unha comisión especializada tras unha convocatoria pública aberta pola Agadic, á que se presentaron unha trintena de traballos de realizadores galegos". . Amplía a nova>>

26/01/2018
O cinema galego chega á Berlinale e ao Festival de Rotterdam

Continúan os recoñecementos internacionais do cinema galego. Este mércores abría as súas portas o 47 Festival de Rotterdamm, que conta cunha nutrida presenza do país. Alí estreará, no marco da sección "Bright Future" o seu segundo filme Alberto Gracia, que xa fora galardoado neste evento. La estrella errante propón un percorrido arredor do punk e das drogras a partir da figura de Rober Perdut, cantante da banda Los Fiambres. Canda a el, poderá verse na sección "Perspectives" o filme El paisaje está vacío y el vacío es paisaje da viguesa Carla Andrade. Tamén en "Bright Future" está presente a premiada Mimosas, de Óliver Laxe. O director protagoniza ademais a peza Santos #2, Work in Progress, na que o vigués Antón Corbal retrata o retorno de Laxe á súa aldea familiar e que fai parte da sección "Deep Focus". . Amplía a nova>>

24/01/2018
A curtametraxe Matria obtén o Grande Premio do Xurado en Sundance

O xurado do Festival de Sundance outorgoulle o seu Grande Premio na categoría de curtametraxes ao filme Matria, de Álvaro Gago. A produción galega obtivo o maior recoñecemento da súa categoría e impúxose a outros 68 filmes escolleitos entre máis de 8.700 que tentaron participar. Matria que aborda desde unha ollada crítico o mito do matriarcado na cultura tradicional galega obtivo xa anterioremente galardóns en diferentes festivais como a Seminci de Valladolid.. Amplía a nova>>

24/01/2018
Nani García fai parte dunha candidatura aos Óscar

O filme chileno Una mujer fantástica que acaba de obter a candidatura a mellor fita en lingua estranxeira dos Óscar de Hollywood, conta con presenza galega entre os seus creadores. O músico Nani García asina varias pezas da banda sonora desta produción, na que Matthew Herbert levou o peso principal. García elaborou as súas composicións de xeito libre e sen interactuar coa música de Herbert, segundo explica hoxe en La Voz de Galicia. O músico coruñés actuará o vindeiro 3 de febreiro na coruñesa Sala Garufa nun concerto co seu trío acompañado polo Quinteto Cimarrón para presentar o seu último disco, Cinematojazzía. . Amplía a nova>>

23/01/2018
Proxectos audiovisuais galegos participan en festivais internacionais

O ano 2018 comeza a consolidar a presenza do audiovisual galego en diferentes citas internacionais. Entre as máis destacadas, a presenza da curtametraxe Matria de Álvaro Gago no prestixioso festival americano Sundance. A peza, que se comezou a emitir sábado e que se pode ver ata este xoves 25, fai parte do programa Shorts Program 5. Pola súa banda, o debuxante e director Alberto Vázquez protagoniza en Escocia a fin de semana dedicado á animación do encontro escocés CinemaAttic. Unha clase maxistral o día 26 e unha exposición sobre os seus traballos que se poderá ver do 28 de xaneiro ao 4 de febreiro son as propostas arredor do creador galego.. Amplía a nova>>

16/01/2018
A Agadic incrementa o seu apoio aos cineclubs galegos

A Federación de Cineclubes de Galicia asinaba onte un convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais polo que este organismo público apoiará a actividade destas entidades ao longo de 2018. En total serán 30.000 euros, 5.000 máis que en 2017, os que facilitarán o desenvolvemento de 14 ciclos e de 10 semanas de cine nun total de 16 localidades, unha máis que no anterior período. Segundo explica o comunicado da Agadic, o obxectivo deste convenio "é reforzar o papel destas asociacións culturais como alternativa á exhibición cinematográfica dos circuítos comerciais e, nalgúns dos casos, como única posibilidade de ver cinema en pantalla grande para os espectadores das súas localidades".. Amplía a nova>>

Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org